CRTVG

Buscar

Falece un veciño de Muíños nunha captación de auga

Publicado o 19/09/2019 14:06

Un home de 72 anos apareceu morto esta madrugada nunha captación de auga en Muíños. A súa familia denunciara a desaparición horas antes, ao ver que non contestaba o teléfono.

Este é o lugar en que apareceu o cadáver. Unha captación construída polos propios veciños para recoller auga para a poboación, no denominado Monte do Tapado, en plena serra do Xurés. Está a uns cincocentos metros en liña recta da vivenda da vítima.

"Dixéronme os veciños que foron en busca del, e que o atoparon, que estaba arriba onde se colle a auga, agachado -sería para desatrancar algo- e que alí quedou", conta unha veciña.

O falecido, de 72 anos, vivía só na súa casa da aldea de Alvite. Os seus fillos avisaron o 112 alertados porque non lles collía o teléfono. Os propios veciños colaboraron nos labores de busca, que se prolongaron ata a unha e media da madrugada.

"Ten fillos en Barcelona e en Ourense, que estaban chamando por teléfono e non lles collía. Entón viñeron e andouse buscando por aí, veu protección civil e atopárono. Veu o forense e levárono para Ourense para facer a autopsia", explica outra veciña de Alvite.

Non se fixo o levantamento do cadáver ata as seis e media da mañá, polas dificultades de acceso á zona, á que se chega por pistas forestais e monte a través. Trasladárono ao hospital de Ourense para facerlle a autopsia. Non se sabe se caeu e se golpeou ou se sufriu algunha indisposición antes de caer ao pozo.

Noticias web

19/09/2019