Falece un veciño de Celeiro tras saír a nadar na praia de Area, en Viveiro
Arquivo
Nos últimos dez días morreron tres bañistas nas praias da Mariña. A última vítima mortal foi un veciño de Celeiro, de 38 anos, que tivo que ser rescatado da auga polo persoal do helicóptero Pesca 2 cando, ao parecer, xa estaba inconsciente. Tras ser trasladado ao hospital de Burela na propia aeronave de Gardacostas de Galicia, finalmente o home non sobreviviu ao suceso.
Esta morte vén sumarse ás doutros dous bañistas nas últimas xornadas noutros tantos areais mariñaos. A máis recente, acontecida a pasada fin de semana, produciuse na praia das Catedrais, en Ribadeo. Tratábase dun home de 50 anos que estaba na beira do mar bañándose cos seus fillos. Ao encontrarse indisposto, caeu na area, e aínda que trataron de reanimalo, non puideron facer nada por salvarlle a vida.
E a fin de semana anterior morrera outro bañista máis nunha praia de Barreiros. A vítima, un ourensán duns 40 anos, tiña neste concello a súa segunda residencia. Cando sufriu unha indisposición, caeu aos pés da socorrista, que foi a primeira en practicarlle as manobras de recuperación. Finalmente, os esforzos foron en van.
#AXEGAInforma do rescate dun home que foi perdido de vista mentres nadaba na praia da Area, en #Viveiro. Un helicóptero do @GardacostasGal que se atopaba pola zona avistou á persoa e rescatouna. Tras practicarlle os primeiros auxilios foi derivado a un centro hospitalario. pic.twitter.com/7MsRgTlcuC
— 112Galicia (@112Galicia) September 1, 2020