CRTVG

Buscar

Falece un octoxenario de Quintela de Leirado tras a inxesta de cogomelos velenosos

Publicado o 06/11/2020 20:54

O falecemento dun dos seus veciños ten conmocionada a xente da pequena aldea de Quintela de Leirado. Tiña 81 anos e dende que era un rapaz saía aos montes da parroquia de Redemuíños na procura de cogomelos.

Desta volta todo apunta a que colleu un exemplar equivocado e a intoxicación provocoulle a morte.

A súa muller, de 76 anos, tamén consumira os fungos, pero en menor cantidade. Ela recupérase aínda no hospital.

Cada ano hai ingresos hospitalarios por consumo de cogomelos, certo que as máis das veces con consecuencias leves.

Con todo, os expertos advirten que en Galicia hai arredor de media ducia de cogomelos que son tóxicos ou potencialmente mortais, a máis coñecida e frecuente é a amanita phalloides.

Algúns poden tardar horas ou mesmo días en deixar notar eses efectos, por iso -din- toda precaución é pouca.

E apuntan: no caso de sospeita dunha intoxicación por cogomelos hai que acudir canto antes a un centro médico e tentar describir o mellor posible o tipo de fungo que consumimos para dar co tratamento axeitado.

Noticias web

06/11/2020