Permanece en observación o home ferido nun accidente laboral en Lobeira
Continúa en observación no Complexo Hospitalario Ourensán o home que onte resultaba ferido nun accidente laboral en Lobeira. O seu compañeiro, de 30 anos, faleceu no acto. Caeulles enriba un tellado da casa que estaban reparando.
A inspección de traballo e os axentes da Policía Xudicial, que onte permanceron no lugar ata arredor das dez da noite, determinarán as causas deste accidente laboral que lle custou a vida a un mozo de trinta anos e deixou ferido o seu compañeiro, de 44, trasladado en helicóptero ata o Complexo Hospitalario ourensán. Estaban facendo obras nesta casa do lugar das Conchas, cando un tellado lateral lles caeu enriba. "Caeu o telladiño da escaleira. Levaron o enfermo ao campo de fútbol, colleuno o helicóptero e levárono ao hospital", explica un veciño.
O falecido era de Asperelo, no concello veciño de Entrimo. Levaba desde mozo traballando na construcción, primeiro por conta allea e actualmente por conta propia, canda a outra vítima do accidente, que tamén é de Entrimo. Hoxe, algúns veciños achegábanse ata o lugar, moi abatidos: "A obra é a obra. El leva tempo na obra, pero é como cando andas na estrada todos os días. Unha desgracia, trinta anos, pero é o que hai"
O ferido, de 44 anos, está na unidade de Observación do Complexo Hospitalario ourensán. Segundo os seus veciños, evoluciona ben e, aparentamente, o seu estado non é tan grave como parecía nun primeiro momento.