CRTVG

Buscar

O condutor do accidente en que morreu un mozo en Ordes case duplicaba a taxa de alcol

Publicado o 29/09/2019 09:15

Un mozo de dezanove anos faleceu esta madrugada despois de sufrir un accidente de tráfico na parroquia de Buscás, en Ordes. O coche en que viaxaba, onde ocupaba o asento central posterior, saíu recto nunha curva e acabou batendo contra un muro. Os outros catro ocupantes están ingresados no hospital de Santiago, dous deles con feridas de gravidade. Volvían todos de pasar unha noite de festa.  O condutor do vehículo, de 19 anos, case duplicaba a taxa de alcol permitida. Deu 0.47 na proba de alcolemia.

A néboa e a humidade difuminaban a estrada que sae da vila coruñesa de Ordes cara á parroquia de Buscás. Eran sobre as seis da mañá cando o vehículo en que circulaban cinco mozos, que viñan dunha festa na localidade ordense, chegaba ao lugar de Vilariño, non conseguía dar unha curva e seguía recto. Previamente, un dos acompañantes advertira do perigo do xiro, segundo testemuñas. O coche pisou a herba mollada, quedou fóra de control e precipitouse contra o muro da vivenda.

Algúns dos veciños que chegaron pouco despois viron un dos mozos saíndo do coche polo seu propio pé. Dentro quedaban outros tres con feridas graves. Pero o golpe fatal levouno o ocupante que ía situado no medio do asento posterior, un veciño da Ponte Carreira, no lindeiro concello de Frades.

A veciñanza asegura que na zona xa houbera mais accidentes, aínda que non tan graves.

Os superviventes, tres homes e unha moza, con idades entre 19 e 32 anos, foron trasladados ao Complexo Hospitalario de Santiago. O falecido xogaba no club de futbol Abellá, de Frades, que hoxe recibía as condolencias da Federación Galega e o anuncio da suspensión dos encontros previstos para esta fin de semana. A nova do accidente causou unha profunda conmoción en Ordes, e tamén en Mesía e Frades, onde residían os accidentados.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

29/09/2019