CRTVG

Buscar

Falece un mozo de 28 anos en San Cibrao das Viñas tras caer por un desnivel co seu coche

Publicado o 08/10/2021 09:54

Un mozo de 28 anos e veciño de Ribadavia faleceu na madrugada deste venres tras saír da vía e caer por un desnivel no concello de San Cibrao das Viñas.

A vítima tivo que ser liberada polos bombeiros, tras quedar atrapada no interior do turismo, que despois de caer polo desnivel rematou envorcado.

O 112 foi alertado contra as catro e media desta madrugada, a través dos axentes de Tráfico, que solicitaban axuda para socorrer un turismo que caera por un desnivel na N-525, arredor do punto quilométrico 234, en San Cibrao das Viñas.

Puxéronse os feitos en coñecemento do Servizo de Urxencias Sanitarios de Urxencia-061, dos bombeiros de San Cibrao e dos membros do GES de Pereiro de Aguiar. Unha vez no punto, os Bombeiros confirmaron a liberación do condutor falecido.

Xa esta mañá, noutro accidente ocorrido na A-52 un camión de paquetería e dous vehículos bateron á altura do quilómetro 202, no alto de Sandiás, entre Xinzo e Allariz, en sentido a Vigo.

A ocupante dun dos turismos tivo que se evacuada en ambulancia, pero a primeira observación apuntaba a que o seu estado non era grave. No outro dos coches viaxaba unha parella de persoas maiores que saíron ilesas.

 

Noticias web

08/10/2021