CRTVG

Buscar

Falece un motorista de 35 anos tras bater contra un coche en Salvaterra

Publicado o 20/07/2019 09:25

• A vítima é un home de 35 anos, veciño da zona

• Un accidente mútiple en Vigo deixa un ferido grave

O accidente ocorreu arredor das dez na estrada PO-404, que une Salvaterra e Salceda, na parroquia de Cabreira. O condutor da moto bateu contra un coche que se incorporaba a esta vía e no que viaxaba unha muller e unha menor. O golpe contra o turismo produciuse no lateral do vehículo, e como consecuencia do impacto o motorista faleceu no lugar.

A vítima é un home de 35 anos veciño de Salvaterra. No operativo de urxencia participaron os profesionais do 061 que non conseguiron reanimalo e os Bombeiros do Baixo Miño, que acudiron ante a posibilidade de que o falecido estivese atrapado. Finalmente non foi necesario liberalo, e a Garda Civil de Tráfico investiga agora as causas do accidente.

Catro feridos en Vigo
Máis tarde, pasada a medianoite, en Vigo, outra chamada dun particular activara a alerta no 112 Galicia por mor doutro accidente de tráfico no que houbo tres vehículos implicados e resultaron feridas catro persoas, das cales unha foi evacuada en estado grave. Os outros tres afectados, tamén foron trasladados ao hospital de referencia, sen embargo, as súas lesións eran de menor importancia.

A colisión produciuse na Avenida da Florida e, malia a que as testemuñas do accidente aseguraban que había tres vehículos implicados, no lugar só permanecían dous, polo que, todo apunta a que o terceiro continuou a marcha. Así o comprobaron os axentes da Policía Local, que acudiron ao punto tras a alerta do 112.

Tamén tiveron que intervir os bombeiros da cidade para liberar a un dos feridos que estaba atrapado no interior dun dos coches accidentados. Tal e como apuntaron as testemuñas, un dos turismos puido envorcar a causa do impacto.

 

 

 

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

20/07/2019