CRTVG

Buscar

Falece un motorista en Santiago e un mozo morre atropelado en Burela

Publicado o 27/02/2019 22:17
Falece un motorista en Santiago e un mozo morre atropelado en Burela

A vítima camiñaba de madrugada pola gabia da nacional 634 á altura de Burela en dirección Cervo e non levaba chaleco reflector. O condutor que o atropelou deu negativo nas probas de alcol e drogas.

"Non sabemos por que estaba circulando por aquí, está todo valado, ía sen chaleco, unha cousa estraña, totalmente anormal". "O condutor do outro coche dixo que non o vira, que sentira un golpe, que non vira nada ata que sentiu o golpe, que ata que sentiu o golpe non se deu conta de nada, o coche estaba parado e un minuto despois viña un coche detrás que foi o que chamou o 112", informan dende Protección Civil de Burela.

A Garda Civil traballa agora para tratar de identificar á vítima que non levaba enriba ningunha documentación. O feito de que se trate dun home de raza negra levou a Garda Civil a contactar coa comunidade caboverdiana e senegalesa asentada en Burela por si puideran aportar algún dato

Accidente de moto en Santiago

Non foi a única vítima mortal da pasada madrugada nas estradas galegas. En Santiago, pouco antes das 2 da madrugada, falecía un motorista de 43 anos que saíu da estrada en Chaián, nun treito recto coa velocidade limitada a 60.

A vítima circulou uns cincuenta metros por fóra da vía, ata que acabou caendo do seu vehículo. Morreu practicamente no acto, os servizos sanitarios non puideron facer nada pola súa vida.










 

Noticias web

27/02/2019