CRTVG

Buscar

Falece un mergullador en Sanxenxo tras pasarlle unha embarcación por enriba

Publicado o 02/07/2019 08:56

Un mergullador perdeu a vida e outro resultou ferido de carácter leve en senllos accidentes rexistrados esta tarde en Punta Cabicastro, Sanxenxo. Ambos os dous practicaban pesca submarina cando a vítima mortal foi alcanzada por unha embarcación e o outro mergullador feriuse levemente cun arpón. O 112 Galicia recibiu os dous avisos a un tempo, ao fío das seis desta tarde, a través de varias persoas que navegaban pola zona e dos equipos de Salvamento Marítimo. Decontado, avisouse aos profesionais sanitarios, xa que a persoa que fora alcanzada pola embarcación atopábase en parada cardiorrespiratoria sobre unhas rochas en Punta Cabicastro, na parroquia de Portonovo.

Alí acudiu un equipo do 061-Urxencias Sanitarias a bordo dunha UVI Móbil, mentres que unha asistencial dirixíase a atender ao mergullador que na mesma zona cravou un arpón. Con todo, os profesionais sanitarios nada puideron facer por salvar a vida do primeiro, que no momento do accidente realizaba pesca submarina xunto cun compañeiro. Pola súa banda, o mergullador ferido levemente co arpón saíu da auga polos seus propios medios e incluso rexeitou ser evacuado en ambulacia para dirixirse el mesmo ao Punto de Atención Continuada da localidade. Cómpre sinalar que este operativo contou en todo momento coa participación do Grupo Supramunicipal de Emerxencias, así como dos axentes da Garda Civil e da Policía Local.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí