CRTVG

Buscar

Morre un condutor no Irixo ao saír fóra nunha recta e bater contra unha casa

Publicado o 04/02/2019 14:15

Un condutor faleceu esta mañá no Irixo ao bater contra a parede dunha casa, situada á beira da estrada. Investíganse as causas polas que o home saíu da vía e colidiu de fronte contra o muro.

A vítima circulaba co seu coche en dirección ao Carballiño cando, sobre as once e vinte da mañá, saíu da estrada pola marxe dereita e foi bater frontalmente contra a parede desta casa. Non se aprecian no lugar nin sinais de freada nin intento de manobras evasivas, polo que a Garda Civil investiga as causas polas que o vehículo se desviou na recta.

O impacto foi de tal intensidade que produciu a morte instantánea do condutor e único ocupante do vehículo. Trátase dun veciño do Carballiño, de 68 anos. Foi un particular quen alertou os servizos de urxencias, que enviaron un helicóptero ao lugar do sinistro. Finalmente, non foi preciso o seu uso ante o falecemento da vítima.


 

Noticias web

04/02/2019