Falece un home en Irixoa nun accidente de tractor tras quedar atrapado na cabina
É a imaxe do que quedaba esta mañá no lugar da Cruz do accidente que lle custou a vida ao condutor dun tractor no concello de Irixoa.
A vítima é un home de 54 anos, veciño da zona, que estaba a rozar unha leira na parroquia de Ambroa.
Unha das hipóteses do sinistro é que cando estaba a traballar sobre o extremo do predio abeirou en exceso e se precipitou por un desnivel de máis de cinco metros.
A alarma do accidente chegoulles aos bombeiros de Betanzos pouco antes das cinco da tarde deste mércores.
José Manuel Pérez, sarxento do parque de bombeiros de Betanzos, conta: "Unha vez que chegamos ao punto xa vemos que está alí Garda Civil, a ambulancia e mais o helicóptero medicalizado. Xa nos confirman o falecemento, e nada. O noso traballo tivo que agardar ata a chegada do forense para efectuar o levantamento do cadáver. E unha vez que este o autoriza, retiramos o corpo do tractor".
A máquina, provista de cabina, deu unha ou máis voltas de campá na súa caída desde a leira de traballo e na traxectoria que seguiu ata derrubar o sinal de estrada.
O sarxento do parque de bombeiros de Betanzos precisa que "o corpo estaba dentro da cabina do tractor. O tractor, facendo unhas manobras, caeu dunha parcela a outra e volveu caer sobre as súas propias rodas e alí faleceu a persoa debido ao esmagamento do teito do tractor".
Entre os medios mobiizados, e coa finalidade de darlles apoio aos familiares da vítima, segundo informa emerxencias de Galicia, desde o 112 pediron a colaboración do Grupo de Intervención Psicolóxica.