CRTVG

Buscar

Falece un home e o seu fillo queda ferido grave nunha colisión frontal en Vila de Cruces

Publicado o 16/02/2020 14:55

Mal empezaba a tardiña de onte nas estradas galegas, concretamente, na vía que xunta o concello pontevedrés de Vila de Cruces co encoro de Portodemouros. Alí saltaba a primeira alarma. Un particular avisaba dun accidente entre unha furgoneta pequena e un todo terreo.

Segundo Susana Cea, de Protección Civil de Vila de Cruces, foi unha colisión frontal: "O vehículo do falecido viña para a zona urbana, e o outro vehículo semella que eran xente de Arzúa, ían dous ocupantes no todo terreo", relata.

Cando os bombeiros do Deza e Protección Civil de Vila de Cruces chegaron ao lugar atoparon o peor dos escenarios. A furgoneta saíu a peor parada na colisión e no seu interior permanecían atrapados o condutor, un home de 52 anos, e o seu fillo de 14, ambos os dous veciños da localidade cruceña.

"Os bombeiros procederon á liberación do rapaz, metérono na ambulancia. Eu logo faleino coa médica e pregunteille se estaba consciente, díxome que si, que estaba consciente e que o ían trasladar a Santiago. Os bombeiros déronnos a triste noticia, porque o coñeciamos, de que falecera", relatan dende Protección Civil.

O condutor da furgoneta faleceu no acto, polo que os equipos de emerxencias centráronse en liberar o rapaz, que foi trasladado con feridas graves ao Complexo Hospitalario de Santiago de Compostela. Os ocupantes do outro coche, veciños de Arzúa, quedaron ilesos. A estrada permaneceu cortada varias horas e o tráfico foi desviado por vías alternativas.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

16/02/2020