Falece un home de 94 anos nun atropelo en Carballo
O home faleceu tras ser alcanzado por un vehículo na parroquia de Santa María de Rus, no concello de Carballo. Os feitos aconteceron ás 9:30 desta mañá e foron os servizos de emerxencia quen avisaron o 112 do suceso.
"Produciuse un atropelo a un peón por parte dunha furgoneta. O peón é un señor maior que resultou falecido, de 94 anos de idade que cruzou xusto fronte á súa vivenda", di o sarxento Varela de Atestados do Subsector de Tráfico da Coruña.
O home saíu á estrada para cruzar de entre dous coches que estaban aparcados e nun punto onde non hai paso de peóns. Cando cruzaba a estrada, unha furgoneta de repartición do pan levouno por diante. Como consecuencia do impacto, saíu despedido preto de 10 metros, faleceu no acto. O lugar do atropelo é a coñecida como recta de Rus, na estrada que une Carballo con Santiago.
"Un tramo recto, é unha travesía limitada a 50 km por hora e en principio vanse investigar as causas do accidente", asegura o sarxento Varela de Atestados do Subsector de Tráfico da Coruña.
Para aclarar o accidente, os axentes de Atestados da Garda Civil de Tráfico tomáronlle declaración ao condutor e analizaron o lugar do sinistro.
#AXEGAInforma dun home falecido tras ser alcanzado por un vehículo en Rus, no concello de Carballo. Pese aos esforzos do persoal sanitario, nada se puido facer por salvarlle a vida. Interviñeron ademais dos servizos sanitarios, a @guardiacivil, a #PolicíaLocal e @pcivilcarballo. pic.twitter.com/PYCNyqR0KR
— 112Galicia (@112Galicia) March 26, 2021