CRTVG

Buscar

Investigan a morte dun home preto dun accidente de tráfico ocorrido en Sanxenxo

Publicado o 04/12/2020 13:28

A Garda Civil investiga as circunstancias da morte dun home de 72 anos que foi atopado morto nas proximidades dun accidente de tráfico que se rexistrou esta mañá en Sanxenxo.

Arredor das sete da mañá o sistema de alarma automática dun dos dous vehículos implicados no sinistro activou o aviso aos servizos de emerxencia. Cando chegaron ao lugar axentes da Policía Local de Sanxenxo atoparon o cadáver dun home nas proximidades do sinistro.

Ao parecer, un dos coches involucrados é propiedade dun fillo do falecido e o seu condutor fuxiu.

O falecido é Ignacio Cal García, empresario hostaleiro que ata hai uns anos rexentou un local na zona.

Os servizos de emerxencias desprazaron ata o lugar unha ambulancia cun equipo vital básico e persoal sanitario do PAC de Sanxenxo, pero a pesar dos esforzos realizados non puideron salvarlle a vida.