CRTVG

Buscar

Falece un home de 54 anos cando limpaba unha nave abandonada en Xermade

Publicado o 28/06/2019 18:11

Un home de 54 anos morreu nun accidente laboral na parroquia xermadesa de Roupar. O suceso produciuse nesta nave situada no lugar da Calousada. Cando estaba a realizar labores de limpeza na cuberta sen ningún tipo de suxeición, a uralita cedeu co peso ata romper e o operario precipitouse dende unha altura duns 15 metros. Tras dar aviso o dono do almacén, acudiu unha ambulancia dende As Pontes. Os sanitarios trataron de reanimalo, pero as feridas que presentaba a vítima trala caída foron fatais.

O falecido, veciño de Cazás, era moi coñecido no concello de Xermade, onde o sinistro provocou unha fonda conmoción. "Sorprendido, porque incluso é amigo meu. Traballou en Roupar moito tempo, nun almacén de comestibles. Eu, de feito, sóubeno agora. Era moi bo rapaz. Xogou ao fútbol no Cazás e mais no Codesido." "Estamos bastante tristes. Sorprendeu a todo o mundo." "Claro que estamos consternados. Son cousas que pasan cando pasan, que non tiñan que pasar ao mellor, por medidas de seguridade ou polo que sexa. Non podo dicir que fora culpa del nin do xefe."

Tralo levantamento do cadáver, a vítima do accidente foi trasladada ao hospital Lucus Augusti de Lugo para practicarlle a autopsia.