CRTVG

Buscar

Morre un ciclista tras chocar cun peón en Outeiro de Rei

Publicado o 24/12/2019 17:49

Un ciclista faleceu na tarde do martes tras chocar contra un peón ao seu paso pola  N-VI, no municipio lucense de Outeiro de Rei. Segundo informou o 112 Galicia, a caída produciuse sobre as 15.45 h.

Foi un particular o que alertou de que había un ciclista accidentado tras impactar cun viandante.  Foron avisados, entre outros medios, o 061, os Bombeiros de Vilalba e axentes da Garda Civil para acudir ata o lugar do incidente, ocorrido na estrada que une A Coruña con Madrid. 

#AXEGAInforma do falecemento dunha persoa tras caer da súa bicicleta despois de colidir contra un peón, cando circulaba pola N-VI ao seu paso por Outeiro de Rei. Ademais do equipo médico, informouse do suceso a @guardiacivil, e aos Bombeiros de Vilalba. 

O 112 tamén informou doutro accidente ocorrido na tarde de Noiteboa na provincia de Lugo. Pouco despois das catro da tarde, tivo lugar un choque múltiple en Monforte de Lemos no que tres persoas resultaron feridas. O sinistro produciuse na parroquia monfortina da Vide, nas inmediacións da gasolineira. Os bombeiros de Lemos tiveron que excarcerar un dos feridos. Deuse aviso entre outros, ao 061, Garda Civil de Tráfico, Policía Local e Protección Civil.