CRTVG

Buscar

Falece un can tras comer cebo con alfinetes en Ourense

Publicado o 30/01/2020 14:32

O alfinete que se aprecia na radiografía, aloxado no intestino delgado dun can, foi expulsado polo propio animal. Iso salvoulle a vida, pero outro faleceu polo mesmo motivo en Ourense. Empezou a atoparse mal a fin de semana, e morreu no hospital veterinario. O seu dono está valorando denunciar.

Sería a primeira denuncia por un caso mortal, pero hai moitos outros dos que leva rexistro a Asociación de Propietarios de Mascotas de Ourense. 

"A morte que pasou onte é bastante mala. Os alfinetes perfóranos e cáusanlles bastante dor. Algúns expulsounos, como a dun compañeiro que viu os excrementos e decatouse, porque non sabía que comera ningún cacho".

Todo sucede na mesma zona, tras a estación de tren de Ourense. Os cebos con alfinetes apareceron nesta rúa, Ramón Piñeiro, nos portais e entradas de garaxes e nas zonas verdes máis próximas, mesmo nas inmediacións deste parque infantil. Lugares frecuentados polos cans e polos seus donos, que cada vez teñen máis medo á hora de sacalos á rúa.

"Normal, porque iso é de criminais. Se non lles gustan os cans, que cambien para a outra beirarrúa, pero non teñen por que lles facer mal aos cans".

Desde a asociación piden unha maior implicación do Concello e da Policía Local, que xa patrulla pola zona, e lanzan unha serie de recomendacións.

"Que non vaian soltos, que os leven suxeitos e que quen atope os cebos que chame o 112 e que denuncie porque, que veña a policía e colla os datos non significa denunciar, hai que denunciar na comisaría".

Algúns veciños con cans están organizando roldas de vixilancia para tratar de sorprender o responsable.

Noticias web

30/01/2020