CRTVG

Buscar

Falece un bañista de 44 anos, veciño de Ponte Caldelas, no río Verdugo

Publicado o 23/08/2021 14:03

Morre un veciño de Ponte Caldelas que foi rescatado do río Verdugo. Cando o sacaron da auga o seu pulso era débil e os servizos sanitarios fixeron todo o posible para reanimalo. A pesar dos seus esforzos, o home de 44 anos faleceu horas despois do seu traslado ao hospital.

O falecido estaba na praia das Cavadas, preto da aldea de Sucastro, no concello Cerdedo-Cotobade. Con el estaba a súa parella e un amigo. Estaban pasando unha tarde de lecer que se converteu en traxedia.

Quedaron durmidos un anaco, botando unha sesta, e cando espertaron vírono aboiando. Non se puido precisar o tempo que pasara nese estado nin cal foi a causa, se lle foi mal ou sufriu unha caída.

O 112 recibía o aviso dos acompañantes que alertaba dunha persoa con síntomas de afogamento. O servizo de Emerxencias desprazou ao momento a un helicóptero medicalizado, a Protección Civil e a Garda Civil. Aínda que o servizo aéreo foi o primeiro en chegar fixo unha aterraxe na praia fluvial da Lama, que non era o punto en que se produciu a urxencia.

Desprazáronse ata medio quilómetro río abaixo, por unha zona de difícil acceso. O equipo de urxencias iniciou de inmediato as manobras de reanimación, que se prolongaron durante bastante tempo. Conseguiron recuperar o pulso do home e poñerlle ventilación mecánica, pero non recuperaba a consciencia.

O traslado á ambulancia fíxose en padiola, a pé polo carreiro de máis de 300 metros que conduce desde a estrada de Augasantas ao río. O home falecía horas despois no hospital.

Noticias web

23/08/2021