CRTVG

Buscar

Falece un ancián tras unha liorta entre veciños en Biscaia

Publicado o 13/08/2019 17:07
Falece un ancián tras unha liorta entre veciños en Biscaia

Un ancián de 81 anos faleceu como consecuencia dun golpe na cabeza durante unha liorta entre veciños en Santurtzi, Biscaia, e a Ertzaintza detivo un home por un presunto delito de homicidio.

Segundo informaron este martes fontes da Ertzaintza e do Concello de Santurtzi, o suceso produciuse sobre as cinco da tarde do luns cando un dos implicados dirixiuse á vivenda doutro veciño para queixarse polo ruído que procedía do seu piso. Entón iniciouse unha discusión e despois unha pelexa entre o veciño que acudiu a queixarse, que é o detido, e os tres residentes da outra vivenda, entre os que estaba o ancián falecido. O home de 81 anos caeu ao chan no curso da pelexa e golpeouse na cabeza, polo que foi trasladado ao Hospital de Cruces, onde faleceu a pasada madrugada.

Fontes do Concello de Santurtzi indicaron que na Policía Local constan chamadas anteriores de veciños do mesmo inmoble para queixarse por problemas de convivencia cos residentes na vivenda do ancián falecido. Os familiares do falecido presentaron esta mañá unha denuncia ante a Policía Local de Santurtzi, e posteriormente as dilixencias pasaron á Ertzaintza, que detivo a un home de 42 anos, sen antecedentes policiais, como presunto autor do homicidio.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

13/08/2019