CRTVG

Buscar

Último adeus a Fernández Albor, primeiro presidente autonómico da Xunta

Publicado o 13/07/2018 11:50

• Esta mañá tivo lugar o funeral de despedida

• Numerosos persoeiros achegáronse a Boisaca para despedilo

• Minuto de silencio no Congreso, ao inicio da comisión de Fomento

Último adeus a Xerardo Fernández Albor. Ás 11 e cuarto da mañá terá lugar o funeral para despedir o ex-presidente, tras o seu falecemento este xoves aos cen anos. Imos en directo ata o cemiterio de Boisaca, onde está instalada dende onte á tarde a capela ardente. Está previsto que acudan distintas autoridades galegas e, de feito, ningún dos membros do Goberno ten axenda pública para este venres.

A capela ardente por Xerardo Fernández Albor está instalada no tanatorio de Boisaca, en Santiago, onde se está a despedir o que foi o primeiro presidente autonómico de Galicia. Mañá, ás 11.15 da mañá, celebrarase tamén alí unha misa funeral previa ao enterro no cemiterio municipal.

A primeira hora da tarde o actual presidente da Xunta foi unha das primeiras personalidades que puideron compartir coa familia uns minutos e amosarlle o seu apoio. A noticia do falecemento coincidiulle co Consello da Xunta.

Reaccións

Á declaración oficial do Goberno galego, co seu presidente á cabeza, uniuse tamén o pesar dos que ocuparon ese cargo nalgún momento. Todos resaltan o compromiso que Fernández Albor tiña con Galicia. Boas lembranzas e palabras de agarimo e recoñecemento, tanto dos ex-presidentes como do que foi durante anos o seu vicepresidente. Lembran del que foi bo e xeneroso co país, un presidente que estivo á altura. Din que loitou por facer unha Galicia mellor, que foi dialogante co adversario e que tivo unha visión, ás veces, idílica da politica.

Os tres grupos da oposición, a través dos seus líderes, trasladáronlles as condolencias tanto ao Partido Popular como aos familiares e achegados de Xerardo Fernández Albor. Ningún deles, por idade, coincidiu con Albor na política, pero lembran a figura dun home que destacou pola súa dedicación ao servizo público.

Fernández Albor foi, durante dez anos, deputado no Parlamento Europeo, desde onde tivo un papel destacado na reunificación de Alemaña, nas relacións entre Europa e América Latina ou a promoción do Camiño de Santiago. Polas reaccións que nos transmiten desde aquí desde Bruxelas algúns dos que traballaron con Fernández Albor na súa época na capital comunitaria, entre o 1989 e o 1999, queda claro que o carácter aberto, dialogante e disposto do que fora primeiro presidente da Xunta, serviulle para deixar un legado importante desde a Eurocámara, en que a defensa e promoción de Galicia tivo un papel destacado, á vez que promocionaba o espírito europeísta. Por exemplo, Albor foi o impulsor, xunto a outro europarlamentario, da promoción do Camiño de Santiago desde o Parlamento Europeo. Esa promoción da Ruta Xacobea por toda Europa permanece hoxe. 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

13/07/2018