CRTVG

Buscar

Falece o mariñeiro evacuado dun barco de Celeiro por sospeita de covid-19

Publicado o 13/11/2020 17:21

• 12 compañeiros da tripulación deron positivo nas probas PCR que lles fixeron

 

O mariñeiro de Avilés, de 56 anos de idade, que tivo que ser evacuado do barco Siempre Antares por insuficiencia respiratoria derivada dun posible contaxio por covid-19 faleceu na mañá deste venres no Complexo Hospitalario da Coruña.

O falecido fora trasladado en helicóptero cando o seu barco estaba a 70 millas de cabo Ortegal por unha insuficiencia respiratoria. Comezara a sentirse mal, con problemas para respirar e unha forte dor no peito que levou o patrón do seu barco a alertar os servizos de emerxencia.

O buque, cos seus 14 compañeiros a bordo, chegou máis tarde ao seu porto base de Celeiro, e os seus ocupante foron postos en corentena. Nas últimas horas, confirmouse que 12 dos tripulantes deron positivo por covid-19, polo que só un deles non está contaxiado. Tres foron trasladados ao hospital de Burela, tamén con problemas para respirar.