CRTVG

Buscar

Falece o condutor dun camión nun accidente na A-6, en Begonte

Publicado o 02/10/2019 10:10

Nas estradas luguesas volve morrer outro home. Un camioneiro faleceu neste acceso da A-6 ao concello de Begonte. O home, ao tomar a curva, perdeu o control do vehículo e, tras bater contra a barreira de protección, acabou envorcando nesta leira, segundo explicou o axente de Transportes do Subsector Tráfico de Lugo, Manolo Guerreiro.

Todo apunta a que o home, duns 60 anos, faleceu no acto. Quedou atrapado baixo a cabina do vehículo, o que complicou o seu rescate. Os bombeiros traballaron durante dúas horas no lugar, segundo contou Ignacio Martínez, cabo dos bombeiros de Vilalba.

De momento, descoñécense as causas do sinistro. Unha das hipóteses que se investiga é se o condutor puido esquivocarse de saída da autovía, xa que se dirixía a Ferrol, cidade en que residía e en que ía descargar a mercadoría. O camión ía cargado de produtos de alimentación e aseo para un supermercado. Puido ser un descoido, que quedou durmido ou que se equivocou na saída, sinalou Manolo Guerreiro, axente de Transportes do Subsector Tráfico de Lugo.

Unha patrulla de Tráfico cortou ese carril de acceso para proceder á retirada do camión. Uns traballos que se poden demorar horas, xa que tamén hai que trasladar toda a carga a outro camión. Nos labores traballan un guindastre de grandes dimensións para levantar o camión e outro para o remolque.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí