CRTVG

Buscar

Falece aos 82 anos o científico e divulgador Eduard Punset tras unha longa enfermidade

Publicado o 22/05/2019 19:27

Morre o divulgador científico e ex-ministro Eduard Punset, aos 82 anos, tras unha longa enfermidade. A familia anunciou esta mañá o seu falecemento a través das redes sociais.

A Eduard Punset sempre lle interesou a vida. Díxoo aquí, nunha entrevista que concedeu á Televisión de Galicia, onde tamén comentaba o pouco que lle inquietaba a morte.

Xornalista: "Que lle preocupa?".

Eduard Punset: "A morte, pouco, porque o que me inquieta é a vida".

A vida en todos os seus aspectos. A súa curiosidade levouno a explorar ámbitos profesionais ben diferentes. Economista, escritor e político, chegou a ser ministro coa UCD. Pero axiña decidiu deixar a política, algo do que nunca se arrepentiu: "Estou contento de vivilo, pero calquera tempo pasado foi peor. Estou descubrindo todos os días cousas mellores".

A esas cousas mellores dedicoulles toda a súa enerxía nas últimas décadas. No seu programa Redes achegou a ciencia ao gran público dun xeito rigoso e, á vez, comprensible. Hoxe, no día da súa morte, a familia de Punset compartía nas redes sociais estas imaxes recollidas polo equipo do programa, unha homenaxe a unha vida dedicada a divulgar ideas e coñecementos.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí