Falece o catedrático Luís Caramés como consecuencia dun derramo cerebral masivo
O catedrático da Universidade de Santiago Luís Caramés Viéitez faleceu este mediodía en Lugo. O seu estado era irreversible tras o derramo cerebral masivo que sufriu o venres cando participaba nun acto na cidade. Hospitalizado en estado de morte cerebral, os seus restos mortais permanecerán alí ata que o luns o trasladen a Santiago.
Colaborador da TVG e de distintos medios galegos, a súa morte sorprendeu os seus compañeiros e amigos. Estaba moi relacionado coa vida social e económica de Galicia en xeral e de Compostela en particular.
Foi decano da Facultade de Económicas da USC. Estaba en Lugo nas instalacións do centro de emprendemento municipal cando tivo o accidente cerebrovascular.
Nado na localidade pontevedresa de Cerdedo en 1949, Luís Caramés era catedrático de Facenda Pública da USC e ingresou na Real Academia Galega de Ciencias en 2015. Ocupou distintos cargos en sociedades científicas e económicas e pertenceu á comisión nacional para a reforma do financiamento autonómico.