CRTVG

Buscar

Falece Julio Araújo, parella de Sonia Iglesias e sospeitoso principal da súa desaparición

Publicado o 09/09/2020 15:40

Co falecemento de Julio Araújo podería enterrarse parte das esperanzas dos investigadores de despexar as incógnitas da desaparición de Sonia Iglesias. Un suceso do que se cumpría unha década o pasado 18 de agosto.

Araújo só estivo imputado nunha ocasión, pero tanto para a familia de Sonia como para os investigadores era o principal sospeitoso. Aínda así nunca se conseguiron probas contundentes.

O único que está claro é que o día da desaparición, Sonia e Julio Araújo saíron xuntos do piso que compartían para dirixirse a unha zapataría. Alí deixou unhas sandalias e neste punto perdéuselle a pista.

Araújo chegou a estar imputado entre 2012 e 2014 porque incorreu en varias contradicións. Pero a xuíza desimputouno por considerar que carecían de carga probatoria.

O último grande impulso á investigación tiña lugar en 2018, cando se ordenou o rexistro da vivenda onde residira, e volveu ser interrogado xunto o seu irmán. Pero de novo non houbo resultados. Como tampouco se conseguiron no rexistro dun pozo dunha leira de Marcón, en Pontevedra, en xaneiro deste ano.

Na actualidade a causa xudicial está arquivada de forma provisional.

Julio Araújo, de 62 anos, tiña un fillo con Sonia Iglesias que no momento da súa desaparición contaba con 8 anos. Faleceu na vivenda dos seus pais na Caeira, en Pontevedra, vítima dun cancro de pulmón. A súa morte complica aínda máis as posibilidades de saber que pasou con Sonia Iglesias.

Noticias web

09/09/2020