CRTVG

Buscar

Derradeiro adeus a José Luis Cuerda, o cineasta xenial do absurdo, galego de corazón

Publicado o 05/02/2020 08:27

Derradeiro adeus a José Luis Cuerda. A capela ardente do cineasta está instalada no tanatorio La Paz, en Madrid.

O director, guionista, produtor e referente do surrealismo deixa sen herdeiros o seu particular sentido do humor. José Luis Cuerda faleceu aos 72 anos, deixando unha filmoteca de culto para o cine español.

O cineasta José Luis Cuerda, director, produtor e guionista faleceu hoxe aos 72 anos na súa casa de Madrid, segundo confirmaron a Efe fontes familiares.

O director de Amanece, que no es poco (1989), película de culto que pasou á historia do cinema español, rodou a súa derradeira cinta, continuación desta, Tiempo después, en 2018.

En 1988, Cuerda, vinculado a Galicia e a Ourense con especial intensidade, foi galardoado co Goya por O bosque animado, outra das súas películas máis relevantes.

Cuerda (Albacete, 1947) é coñecido tamén por dirixir as adaptacións de A lingua das bolboretas (1999) e Los girasoles ciegos (2008) e por producir as primeiras películas de Alejandro Amenábar, Tesis (1996) e Abre los ojos (1997).

O cineasta faleceu despois dunha longa enfermidade que se acentuou ao terminar a súa derradeira película. A ela dedicou os últimos anos da súa vida, e puido rodala grazas ao apoio dun grupo de cómicos devotos do seu cinema, encabezados por Arturo Valls, que exerceu de produtor.

O seu vínculo con Galicia

Cuerda era un home accesible, que gozaba dos bares e restaurantes do Carballiño e paseaba polas súas rúas como calquera outro veciño do lugar. Pero todo o mundo sabía tamén que era un xenio. Un cineasta que revolucionou o sentido do humor do cinema español coa súa grande obra mestra, Amanece, que no es poco. Coas súas rodaxes en Galicia, cambiou, ademais, a mirada do cine español sobre Galicia. Foi aquí, no Carballiño, onde pasou a maior parte do tempo nos últimos 20 anos. Tamén foi este o lugar onde fixo realidade o seu soño. O de converterse en adegueiro.

Nas fragas de Sobrado, José Luis Cuerda namorouse de Galicia. Era 1987, e o seu equipo percorrera máis de dous mil quilómetros en busca desta localización. Aquí rodou O Bosque Animado, unha adaptación da obra de Fernández Flórez. Unha comedia que mestura as historias humanas coas da propia fraga.

Doce anos despois, en 1999, Cuerda leva ao cine A lingua das bolboretas, unha versión cinematográfica de varios relatos de Manuel Rivas que se rodou en Allariz e tamén na Praza da leña de Pontevedra. A película conta a relación dun neno co seu mestre e como a Guerra Civil rompe para sempre a súa amizade.

Mentres rodaba a película, Cuerda mercou unha casa en Boborás e unha adega do século XVI en Gomariz. Foi toda unha declaración de intencións. Por aquí pasaron amigos e famosos do cine. E en 2006 vendeu a súa primeira colleita de viño.

En 2008, Cuerda volve rodar sobre a represión da ditadura franquista. No mosteiro de Montederramo, en Ourense, grava escenas de Los girasoles ciegos. É a historia dun perseguido polos fascistas que vive agochado durante anos nun buraco na súa propia casa mentres a súa muller aparece como viúva ante a sociedade.

No ano 2012, outra obra de Manuel Rivas amosa Galicia no cine de Cuerda. Muros, Carnota e as Rías Altas son o escenario de Todo é silencio, unha historia de adolescentes e da propia zona, desde que os cativos buscaban tesouros de naufraxios ata que o narcotráfico invade as praias.

Non foi rodada en Galicia, pero non se pode, con todo, falar de Cuerda sen acabar citando Amanece, que no es poco, unha obra mestra do surrealismo que se converteu en película de culto. Un xenial mundo ao revés que podería estar ambientado en calquera vila e serviría para consolarnos de calquera realidade.


Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí