CRTVG

Buscar

A Revista

Falece Ernesto Chao, un dos actores máis coñecidos do audiovisual galego

Publicado o 06/08/2018 13:08

O audiovisual galego está de loito polo pasamento de Ernesto Chao. O actor galego deixounos hoxe.
Nós queremos renderlle unha pequena homenaxe que resume o seu gran e extenso labor profesional.

Moitos aínda o coñecen como o Miro Pereira de 'Pratos combinados', a serie que durante varios anos protagonizou na Televisión de Galicia, xunto con outros actores galegos como Mabel Rivera e Antón Durán, 'Morris'.

Traballou en máis dunha ducia de producións cinematográficas dentro e fóra de Galicia, unha delas, 'Condenado a vivir', en que deu vida, por vez primeira en ficción, a Ramón Sampedro.

Ernesto Chao foi tamén un grande actor de teatro, interpretando moitos e variados personaxes.
En 1969 foi un dos creadores da compañía Abrente e dende 2001 ata 2112 tivo a súa propia compañía teatral, Lagarta, Lagarta, xunto á súa muller, a tamén actriz Rosa Álvarez. Pero tamén traballou en moitas outras como Teatro do Noroeste, Manivela Produccións, ou no Centro Dramático Galego, que tamén dirixiu dende 1986 ata 1987.

'A canción do elefante' de Álex Sampaio foi o seu último traballo no teatro, en que interpretou o doutor Villaverde.

'O ouro do tempo', do director Xavier Bermúdez, é o seu traballo cinematográfico máis recente como protagonista.

Ao longo da súa carreira foi distinguido con diferentes galardóns, entre eles o Premio de Honra Fernando Rey a toda a súa traxectoria profesional que lle entregou a Academia Galega do Audiovisual.

Esta noite, a Televisión de Galicia lembrarao cunha programación especial.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

A Revista

06/08/2018