CRTVG

Buscar

Dous falecidos e case 200 infectados, últimas cifras do coronavirus en Galicia

Publicado o 15/03/2020 23:12

As últimas cifras de infectados en Galicia rexistran 189 casos e dúas vítimas mortais: as dúas persoas, de idade avanzada, con varias patoloxías previas, deron positivo na proba de coronavirus e faleceron onte en Vigo e Pontevedra. Nos dous casos tiveran contacto con infectados de fóra de Galicia.

"Era un paciente de idade avanzada que tiña moita patoloxía e que veu aquí pasar unhas vacacións e púxose mal. Viña da comunidade de Madrid e ingresou na nosa planta de hospitalización. Onte a última hora da tarde faleceu, desgraciadamente", informou Sonia Fernández, directora asistencial da Area Sanitaria de Pontevedra e do Salnés.

Das 189 persoas que hai infectadas nestes momento, 8 delas están na UCI, 33 en unidades de hospitalización e 148 no seu domicilio. Nestes casos, algúns dos pacientes están sendo atendidos xa de xeito remoto a través da plataforma TELEA, coa que profesionais sanitarios fan o seguimento diario de temperatura, frecuencia cardiaca e outros parámetros que os propios doentes rexistran na aplicación ou comunican por teléfono. Nestes equipos tamén se integran os profesionais que acoden ás casas para a toma de mostras.

"Nestes momentos é importante traballar na recollida de mostras a domicilio. Evitar que a persoa que teña un problema teña que acudir ao hospital ou saír da casa, que sexamos nós quen as vaiamos recoller", insistiu Antonio Fernández Campa, xerente do Sergas.

Por áreas sanitarias, os casos que hai ata o momento distribúense do seguinte xeito: 72 son da área da Coruña, nove da de Lugo, 22 da de Ourense, 18 da de Pontevedra, 36 da área de Vigo, 27 da de Santiago, e cinco da de Ferrol.
Ademais destes, casos hai xa catro persoas dadas de alta no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña.

No conxunto de España o aumento de casos en Cataluña, onde pasou de 715 a 913, fai que o número de persoas afectadas se achegue a 8.000, con 300 falecidas. Rexistráronse 517 altas, e case 400 persoas están ingresadas en UCI.