CRTVG

Buscar

Falece Carlos García Martínez, director do Museo do Pobo Galego e membro da RAG

Publicado o 18/03/2018 09:45
Falece Carlos García Martínez, director do Museo do Pobo Galego e membro da RAG

Carlos García Martínez, director do Museo do Pobo Galego e membro da Real Academia Galega, faleceu este sábado en Santiago de Compostela, segundo informaron ambos organismos.

Desde o Museo do Pobo Galego, que dirixía desde o ano 1999, destacouse que Carlos García, nacido en Santiago de Compostela en 1945, era mentor e fundador desta empresa colectiva á que dedicou toda a súa vida e unha persona comprometida co país, sendo, entre outros, Patrón fundador da Fundación Castelao, da Fundación Pedrón de Ouro, académico correspondente da Academia Galega e presidente do Consello Galego de Museos.

Ao longo da súa traxectoria foi tamén membro do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento e da comisión xestora do novo Seminario de Estudos Galegos, así como socio fundador da Asociación de amigos do Museo de Castro de Viladonga.

Estudioso da historia e da arqueoloxía galega recibiu o Premio Trasalba da Fundación Otero Pedrayo en 1999 polo seu traballo a favor da cultura de Galicia.

Tamén a Real Academia Galega lamentou o falecemento de Carlos García Martínez, membro correspondente da institución desde 1972. Desde a RAG destácanse as súas achegas no ámbito da arqueoloxía e a etnografía de Galicia.

A capela ardente estará instalada no Museo do Pobo Galego desde o domingo 18 ás 16,00 horas. O enterro celebrarase en Santa María de Figueiras (Santiago de Compostela), o luns 19 ás 17,00 horas.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí