CRTVG

Buscar

Falece aos 90 anos o expresidente arxentino Carlos Menem

Publicado o 14/02/2021 16:48
Falece aos 90 anos o expresidente arxentino Carlos Menem

O exmandatario arxentino Carlos Menem morreu aos 90 anos nunha clínica de Bos Aires, onde estaba ingresado desde decembro. Ía ser sometido a un control médico prostático e diagnosticáronlle unha infección urinaria que complicou os seus problemas cardíacos. Inducíronlle un coma en Noiteboa tras sufrir un fallo renal e xa non se recuperou.

O expresidente, icona na Arxentina do ultraliberalismo, gobernou durante unha década entre 1989 e 1999. Foi a figura máis importante e polémica da política do seu país na década dos noventa.

Menem, exxefe de Estado e senador, xa estivera ingresado en dúas ocasións en 2020, pero participou nas sesións da cámara de xeito virtual, como establece o protocolo, durante a pandemia de coronavirus. Non puido estar presente no debate da lei do aborto, que aprobou o Senado o 30 de decembro de 2020.

Avogado de profesión, Menem foi presidente en dous mandatos consecutivos, de 1989 ao 1999, tras ser gobernador da provincia de La Rioja, o seu lugar natal, entre 1973 e 1976, ano en que o detiveron tras o golpe de Estado que derivou na última ditadura na Arxentina (1976-1983) e desde 1983 ata que comezou a campaña presidencial que acabou gañando.

A súa xestión estivo marcada pola transformación da economía, a apertura comercial e un proceso de privatización de empresas públicas, pero tamén por acusacións de corrupción, que afrontou nos tribunais nos últimos anos, ao tempo que exerceu como senador desde 2005.