CRTVG

Buscar

Falece aos 35 anos o actor e músico galego Esteban Yáñez

Publicado o 21/04/2020 19:44

O actor e músico galego Esteban Yáñez (Ferrol, 1984) faleceu aos 35 anos de idade. Foi coñecido na súa infancia polo seu papel na serie 'Pratos combinados', e polo personaxe de Arroz Hacker no 'Xabarín Club'.

Numerosas persoas e entidades transmitiron o seu pésame a través das redes esta xornada, entre eles o Festival de Cans e o xornalista e codirector de 'Luzes', Xosé Manuel Pereiro, quen informa de que Yáñez formaba parte do comité de redacción.

Comezou a súa carreira no audiovisual en 1997 como protagonista dun anuncio para o 'Xabarín Club'. Co personaxe de Arroz Hacker foi presentador deste espazo e pasou a ser coñecido por toda unha xeración de nenos e adolescentes en Galicia ao falar de temas como cómics e series de animación.

Yáñez estaba enfermo desde hai anos, segundo relataba el mesmo a través da súa conta de Twitter (@Snob), onde era moi activo. Na súa última mensaxe informaba de que tamén contraera o coronavirus.