CRTVG

Buscar

Falece a cadela maltratada en Chantada

Publicado o 03/12/2019 17:42
Falece a cadela maltratada en Chantada

A cadela maltratada en Chantada, segundo transcendeu despois dun vídeo difundido por redes sociais que unha testemuña dos feitos gravou, faleceu este mediodía, segundo confirmaron a Europa Press desde a dirección do Hospital Rof Codina de Lugo, onde estaba ingresada. Desde o centro, explicaron que o seu estado era "moi grave" despois de que o animal, segundo o vídeo do que se fixeron eco distintas organizacións animalistas, recibise un disparo "que lle atravesou dúas extremidades" e que lle realizaría, segundo recolle o vídeo, un cazador.

"Tiñámola en mantemento e presentaba lesións polo disparo que lle fracturaba os dous húmeros", explicaron desde o centro sobre o estado da cadela, da que dixeron que perdeu tamén "moito sangue". Tras o seu falecemento este mediodía, desde o hospital explicaron que se decidiu facerlle a autopsia ante as lesións que presentaba e para un posible xuízo. Sobre os cachorros que tivo a cadela --que, segundo o vídeo difundido, foi golpeada e arrastrada polo chan tamén-- desde este hospital explicaron que están nunha clínica veterinaria en Chantada, onde, inicialmente, levou tamén a cadela. Están alí á espera de que se autorice  a levalos a outro lugar. "Son cachorros de 15 días, non é fácil de manexar", apuntaron desde o hospital veterinario.

Mentres, a Consellería de Medio Ambiente confirmou a Europa Press que a Xunta remitiu á Fiscalía este caso. En concreto, explicaron que a denuncia non tivo entrada na Xefatura Territorial da Consellería de Medio Ambiente en Lugo "ata o día de hoxe, despois de solicitala á Garda Civil de Chantada", precisaron. Con posterioridade, procedeuse á remisión da denuncia á Fiscalía Provincial de Medio Ambiente en Lugo "dado que os feitos poden ser constitutivos dun delito de malos tratos contra os animais domésticos previsto no artigo 337 do Código Penal".

Tamén solicitou un informe ao Concello de Chantada e ao Hospital Rof Codina, "do que se dará traslado á Fiscalía en canto teña entrada na Xefatura Territorial", apostilaron. En relación a este caso, desde a ONG Mundo Vivo denunciaron, na súa conta de Facebook, que a Xunta de Galicia négalles "" a custodia dos cachorros porque aseguran que se lles trasladou desde Medio Ambiente que se "farán cargo" desde a Administración autonómica, extremo que aínda este departamento non confirmou. Ademais, a ONG reclama saber onde irán os cachorros.

Noticias web

03/12/2019