CRTVG

Buscar

A Revista

Falamos dos retos do Ribeiro coa nova xerente do consello regulador, Cristina Alcalá

Publicado o 26/01/2016 13:30

O Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro ten unha nova xerente, a enóloga e comunicadora Cristina Alcalá. Despois de 18 anos dedicándose ao viño fóra de Galicia, regresa á súa terra coa intención de que o Ribeiro teña o recoñecemento que merece. Asegura que o mercado pide viños singulares e de alta calidade coma os que ofrece o Ribeiro. A materia pendente é saber vendelos.

A denominación de orixe Ribeiro abrangue máis de 2.800 hectáreas de viñedo na confluencia dos vales dos ríos Miño, Avia e Arnoia. Seis mil viticultores e cen adegas encárganse de traballalas, sumando una produción que na vendima pasada chegou aos 14 millóns de quilos de uva. Os seus viños aromáticos e afroitados, coa Treixadura como variedade estrela, son cada vez más recoñecidos no mercado. Pero para a nova xerente da denominación, o Ribeiro pode chegar moito más lonxe.

Para Cristina, o único camiño posible é facer viños diferenciados e de alta calidade. As pequenas parcelas dos colleiteiros do Ribeiro aumentan os custos de produción e dificultan o traballo, pero tamén dan a oportunidade de facer viños singulares. Mala que o 85% dos viños do Ribeiro son brancos, pero variedades tintas como a Sousón ou Brancellao son recursos únicos para diversificar a produción. Tamén hai camiño que andar cos escumosos, que xa se están a investigar, e una xoia por promover, o tostado do Ribeiro.

O 80% das vendas da denominación queda en Galicia, o 20 por cento no estado e un 10 por cento vai para a exportación. Desde a denominación van traballar para promover o Ribeiro en puntos estratéxicos de España e tamén nalgúns mercados internacionais, unha das súas materias pendentes polos altos custos que supón. Xa na casa, mellorar os servizos da ruta do Ribeiro para atraer máis turistas é outro dos retos.

A Denominacion de Orixe Ribeiro é a máis antiga de Galicia e unha das máis veteranas de España. Uns caldos nacidos da tradición pero enfocados cara á modernidade cos que queren mellorar a súa posición competitiva no complexo mercado do viño.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

A Revista

26/01/2016