CRTVG

Buscar

"Sábese que a transmisión é moito maior, e crese que a mortalidade é parecida", di unha médica galega na India

Publicado o 30/04/2021 14:53

Con máis de 380.000 contaxios diarios, A India atravesa a peor onda da pandemia no mundo, quizais acelerada pola expansión dunha nova versión do virus.

"Pensábase que tiñamos inmunidade de rabaño coas outras variantes, e agora mesmo a poboación está enfermando con estas mutacións", di Amaia Foces, unha médica de familia ferrolá que reside en Nova Delhi.

Di que aínda se sabe pouco desas mutacións do virus, que poderían facer máis contaxiosa esta variante india.

"Sábese que a transmisión é moito maior, e crese que a mortalidade é parecida, non parece que a mortalidade sexa maior", afirma.

Tamén está por ver se as dúas vacinas autorizadas na India funcionan contra esta variante. A Foces parécelle que unha dose "pode non ser abondo para protexer". E dende Nova Delhi, manda unha mensaxe: "Co virus da India temos que ter moito coidado e prepararnos" afirma. "Non agardar a que os casos cheguen aos centros de saúde, senón buscalos, rastrexalos", engade, e pide que a corentena para os cidadáns procedentes da India sexa "estrita e controlada".