CRTVG

Buscar

Os veciños de Paramos recordan os dous falecidos un ano despois da explosión

Publicado o 23/05/2019 21:29

• Deixaron flores na casa do matrimonio que morreu

• Plantaron un carballo como símbolo do renacer do barrio

Hoxe fai un ano da explosión da pirotecnia clandestina de Paramos, en Tui, e os veciños quixeron lembrar a parella que faleceu naquel fatídico accidente. Foi nun acto sinxelo e emotivo, en que aproveitaron tamén para agradecer todo o apoio que recibiron nestes meses.

Tristeza e dor foi o que se viviu esta tarde en Paramos, unha parroquia e unha veciñanza que hoxe reviriron a traxedia ocorrida fai xusto un ano, cando estoupou o almacén clandestino con explosivos que había nunha das vivendas. O aspecto da aldea aínda é devastador, porque un ano despois aínda non comezou a rehabilitación das vivendas, que quedaron completamente destruídas aquí na zona cero. Moitos veciños quéixanse, ademais, de que están tendo problemas cos seguros. Pero, por riba de todo, hoxe era un día para lembrar a parella que faleceu na explosión, e para agradecer as mostras de solidaridade que chegaron aquí desde toda Galicia.

Nun silencio absoluto, os veciños de Paramos percorreron xuntos a aldea ata chegar ás ruínas da casa onde faleceu a parella musulmá, as únicas vítimas mortais da explosión. Ás catro e vinte e tres minutos, á hora xusta en que ocorreu a traxedia, depositouse no lugar un ramo de flores, e leuse un manifesto en español e en árabe. 

Despois, entre todos, plantaron un carballo, que queren que medre no centro da parroquia como símbolo da vida entre a devastación. Un ano despois, o centro de Paramos é aínda un lugar destruído. As casas arrasadas aínda non se puideron levantar.

Outras 400 vivendas sufriron danos, e os veciños din que están tendo verdadeiros problemas cos seguros para reparalas.

Entre tanto malo, os veciños destacan a solidaridade que lles chegou desde toda Galicia, e que, din, fixo a traxedia máis levadía.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

23/05/2019