CRTVG

Buscar

Galicia Noticias Mediodía

Fai un ano desde que un electricista coruñés matou o seu fillo nun monte de Oza-Cesuras

Publicado o 07/05/2018 14:18

Hoxe fai un ano desde que Marcos Mirás, un electricista coruñés, asasinaba presuntamente a golpes cunha pa o seu fillo de 11 anos, nun monte de Oza-Cesuras. Polo momento non hai data para o xuízo, pero si se sabe que será con xurado popular. A defensa di que o acusado non lembra nada do acontecido nin que lle fixera dano ao menor, e que nunca utilizaría o seu fillo para vingarse da súa ex-muller.

Marcos Mirás será xulgado por un xurado popular. Está acusado de matar o seu fillo de 11 anos a golpes cunha pa e polas costas, o 7 e maio do ano pasado, coincidindo co Día da Nai. Separado da nai do menor, recolleu o seu fillo un día antes de que aconteceran os feitos. Á mañá seguinte, despois de almorzaren, subiuno ao coche e, nun momento dado, puxo rumbo a un monte de Oza-Cesuras, onde teñen unha casa familiar. Alí, nun camiño, foi onde presuntamente lle deu morte.

Despois regresou á Coruña e a súa ex-muller, alertada porque non aparecía co neno, chamou a policía que, tras andar a súa procura, atopouno neste hostal de San Roque de Afora, próximo a Riazor. Pouco despois derrubouse e levou a policía ao lugar do crime. Desde entón está en prisión.

A acusación particular, no seu escrito, pide que sexa condenado á pena de prisión permanente revisable. O avogado de Mirás está á espera dun informe pericial no que basear a súa liña de defensa.

Un anos despois do crime, o xuízo non ten data sinalada.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí