CRTVG

Buscar

Sen respostas 25 anos despois da desaparición de María Xosé Arcos

Publicado o 16/08/2021 15:42

María Xosé Arcos desapareceu o 15 de agosto de 1996. Tres días máis tarde o seu coche aparecía ao pé do faro de Corrubedo, cos seus obxectos  persoais dentro. Desde aquela a súa familia nunca parou de buscala e de loitar por esclarecer o acontecido. En abril de 2010 foi arrestado e imputado un amigo de María Xosé, pero finalmente foi liberado un mes máis tarde. Desde na familia aquela seguen á espera de novas investigacións, como conta Rosa Arcos, irmá de María Xosé e voceira da familia: "O caso está arquivado provisionalmente desde o ano 2012, despois de que houbera un auto provisional da Audiencia que poñía en liberdade provisional con cargos ao sospeitoso do homicido de María Xosé. Se fixo o encargo ao xulgado de Ribeira de que seguira investigando, pero a falta de medios e de avances levaron á xuíza a decretar o arquivo provisional, aínda que naquel momento había probas pendentes que se puideron ter realizado e que non tivo a ben considerar"

Unha investigación na que se tardou varios días en cotexar as probas e na que non se tivo en conta o relato da familia sobre o que lles contara María Xosé da súa relación co sospeitoso: "Probablemente se as cousas se fixeran ben ao mellor María Xosé xa estaba morta, pero probablemente con outro tipo de investigación teriamos sido quen de facerlle xustiza e non estar 25 anos despois aínda reclamando esa xustiza"

A dor da familia é dobre ao non saber o que aconteceu con María Xosé, polo que reclaman máis atención ao colectivo das desaparecidas:
"Pois que se debería pensar nas desaparecidas, que son as grandes esquecidas e aparte de facerlle xustiza, que o merecen, e dedicarlle efectivos con protocolos de actuación máis claros, con medidas cautelares máis fortes, con apoio ás familias. Nós en 25 anos a axuda que tivemos foi que fomos buscar privadamente nós, pero non porque o estado en ningún caso pensara que eramos merecedores de acompañamento, de axuda ou de colaboración."

 

Noticias web

16/08/2021