Fácil de producir, pero difícil de distribuír: as vantaxes e desvantaxes da vacina contra a covid de Pfizer
A farmacéutica Pfizer asegura que conseguiu unha vacina cunha efectividade do 90% fronte á covid, un anuncio que se recibiu con esperanza pero con cautela. E é que os resultados saen dun ensaio con 43.500 voluntarios, en que rexistraron 94 casos positivos en coronavirus.
Segundo explica Mercedes Jiménez, investigadora do CSIC, é un número "moi pouco significativo", non chega a cen persoas, así que hai que entendelos como "resultados preliminares". Con todo, di que "son noticias esperanzadoras".
Outra boa noticia é qué se fai co ARN do propio virus, unha innovación que simplifica a produción. "É moi fácil de producir, moi rápido", afirma Jiménez, pero ten un inconveniente na distribución, que "ten que ser nunha cadea de frío que non se pode interromper".
Hai que transportala e conservala a menos oitenta graos, un reto loxístico para o que xa van propoñendo solucións.
Na Facultade de Veterinaria de Lugo fálannos de tres: as cántaras de nitróxeno líquido, que se manteñen a menos 196 graos durante un mes, o xeo seco ou os ultraconxeladores coma os que teñen na universidade.
"Son de menos oitenta graos, van enchufados á corrente, e poderías ter aí as vacinas durante o tempo que quixeras, e ao custo da electricidade", afirma Luis Ángel Quintela, profesor de Veterinaria na USC.
O caso é que se confirmen os bos resultados da vacina e ter todo a punto para cando chegue, un comezo para frear a circulación do virus entre a poboación.