CRTVG

Buscar

Aumentan os peregrinos que fan a ruta xacobea en veleiro desde o porto de Vigo

Publicado o 17/08/2019 09:00

Dúas rutas en veleiro pola ría de Vigo permiten coñecer puntos clave da tradición Xacobea. E as millas náuticas que se percorren pódense convalidar para obter a Compostela. Un pequeno respiro para os peregrinos que queiran coñecer un pouco máis da paisaxe galega, sen perder de vista o obxectivo final en Santiago.

É un novo xeito de facer o camiño de Santiago. E,dende logo, moito máis cómodo. Un pequeno respiro para aqueles peregrinos que, sen perder de vista o obxectivo final no Obradoiro, queiran coñecer un pouco máis da nosa paisaxe.
Unha empresa pontevedresa organiza dúas rutas náuticas que permiten coñecer en barco puntos chave do Camiño de Santiago.

Os veleiros saen do porto de Vigo ou Baiona. Percorren a ría e visitan o Parque Nacional das Illas Atlánticas. Tamén vilas costeiras, como Cangas, Sanxenxo e Vilagarcía de Arousa. As rutas poden ser de 1 ou 2 días e inclúen a oportunidade de durmir a bordo.

No barco poderemos degustar productos galegos, como marisco, empanadas ou viño. Un aporte extra de enerxía para os camiñantes.

As millas náuticas que fagamos nestes paseos poden convalidarse para obter a nosa Compostela, o certificado que acredita que fixemos o Camiño de Santiago. Despois dunha ruta de dous días, só teremos que camiñar 10km para conseguila.

Así que, rematada a aventura mariña, podemos seguir a pé cara Santiago dende moito máis preto ou ben retomar o camiño a pé alí onde o deixamos.

O proxecto está cofinanciado pola Xunta dentro do programa O teu Xacobeo.


 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

17/08/2019