CRTVG

Buscar

Facenda fala de "emerxencia financeira" pola débeda do Goberno con Galicia

Publicado o 16/12/2019 12:21

O titular de Facenda da Xunta, Valeriano Martínez, utilizou este luns o termo "emerxencia financeira" ante a posibilidade de que Galicia non perciba no que queda de ano as cantidades que o Goberno lle debe por varios conceptos.

"É moi triste ter que explicar, xa por enésima vez, que todo aquilo que é a das comunidades autónomas, que é aquilo que se deduce do propio sistema de financiamento, non está a chegar, e, obviamente, está a situarnos contra as cordas e só faltan quince días para que finalice o ano", dixo Martínez en declaracións aos medios antes de participar na presentación do seguimento do Plan  estratéxico de Galicia 2015-2020.

"Confírmase que este diñeiro o normal é que non chegue ás comunidades autónomas", admitiu o titular de Facenda, que demandou "un pouquiño máis de sentido" ao Goberno en funcións de Pedro Sánchez.

Expuxo que desde a Administración galega, "como a maioría", enfócase este asunto como "un plan puramente proactivo" e "achegando solucións".

Neste sentido, solicitou que a primeira medida que habería que adoptar é a convocatoria do Consello de Política Fiscal e Financeira. Sen esta convocatoria "é moi difícil avanzar", sostivo.

"Teñen ferramentas na man (en referencia ao Ministerio de Facenda), como pode ser aprobar un decreto ou determinadas modificacións orzamentarias, sen trasladar a súa non eficacia nestes momentos como Goberno central ás comunidades autónomas e aos concellos", afirmou o conselleiro.

"Do meu ton de voz teñen que detectar que estamos nunha situación moi complicada, pero que non imos de ningún xeito a defalecer, a seguir presionando con total lealdade do que como comunidade autónoma significamos", indicou.

O titular de Facenda do Executivo galego aludiu nas súas declaracións non só aos 200 millóns de euros que Facenda lle debe a Galicia en concepto de IVE, senón que demandou igualmente 170 millóns de euros que lle corresponden á Comunidade "polo cumprimento do desempeño fiscal durante estes últimos anos".

O conselleiro fixo balance do Plan estratéxico de Galicia 2015-2020. Di que nos primeiros catro anos se cumpriron e mesmo superaron obxectivos: cun crecemento económico medio anual do 3,3% e a creación de case 80.000 empregos. A Xunta traballa xa no próximo plan. Como retos, ata o 2031 están o demográfico, o cambio climático ou a competitividade.