Facebook e Twitter retiran un vídeo de Trump sobre o coronavirus
O presidente dos Estados Unidos, Donald Trump, desatou unha nova polémica ao asegurar que os nenos son case inmunes ao coronavirus. Facebook e a Twitter decidiron retirar o vídeo do presidente.
As palabras de Trump fixeron que, por primeira vez, Facebook retirarara un vídeo do presidente dos EUA por entender que daba información enganosa sobre o coronavirus.
Unha declaración que levou á outra grande rede social Twitter a bloquear a conta da súa campaña presidencial, por entender que violaba as normas da compañía sobre desinformación.
Trump cre que o malinterpretaron e que o único que quixo dicir foi que os máis pequenos morrían menos porque tiñan un sistema inmunitario forte e poderoso.
Polémicas á marxe, o país superou xa os 157.000 mortos e rexistra a cuarta parte dos mais de 18 millóns de contaxiados que hai en todo o mundo.
Os contaxios soben tamén en Alemaña, onde se superaron os mil casos diarios por primeira vez desde que comezara a desescalada.
O Goberno confirmou que se estaban a detectar gran cantidade de pequenos gromos e que comezará a facer probas obrigatorias de coronavirus a todos os que regresen ao país procedentes de zonas de risco.