Facebook censurará calquera información falsa sobre a covid-19 e as vacinas

Facebook anunciou este luns que a partir de agora censurará calquera información falsa sobre a covid-19 e as vacinas que os usuarios compartan en grupos, páxinas ou nas súas contas persoais e prohibirá todo aquilo que fose desmentido polas autoridades sanitarias.
Así, a partir deste luns, eliminaranse comentarios ata o de agora permitidos na rede social e en Instagram (da súa propiedade), como que o coronavirus foi creado por humanos, que as vacinas non son efectivas, que son máis perigosas que a enfermidade en si ou que son tóxicas e causan autismo.
Estas prohibicións, ademais, non inclúen unicamente as vacinas contra a covid-19, senón que abarcan todas en xeral, de maneira que se censurará calquera comentario do movemento antivacunas.
"Empezaremos a aplicar esta política con carácter inmediato, centrándonos especialmente nas páxinas, grupos e contas que non respecten estas regras, e seguiremos ampliando a vixilancia nas próximas semanas", indica a empresa nun comunicado.
Ata o de agora, Facebook prohibía os anuncios pagos que defendesen teorías deste tipo, e desde decembro xa viña suprimindo algúns comentarios que contivesen información falsa sobre a vacina da covid-19, pero o cambio deste luns implica, na práctica, unha política de tolerancia cero con respecto a esta cuestión.
A firma que dirixe Mark Zuckerberg asegura que antes de adoptar esta nova política mantivo conversas coa Organización Mundial da Saúde (OMS) e con "organizacións sanitarias de primeiro nivel". En paralelo, a empresa de Menlo Park (California, EUA) anunciou unha campaña informativa en liña para indicar á xente onde e cando se pode vacinar —unha operación similar ás que leva a cabo para informar do proceso de votación nas eleccións— e comprometeuse a doar 120 millóns de dólares (uns 100 millóns de euros) en créditos publicitarios a Gobernos e organizacións para que informen sobre as vacinas.
Á súa vez, Facebook deu a coñecer os resultados dunha enquisa levada a cabo entre usuarios da plataforma para mediados de xaneiro segundo a cal o 85 % dos internautas españois estaría disposto a recibir a vacina contra a covid-19.