CRTVG

Buscar

Fabiola García: "Toda a atención educativa de 0 a 3 anos vai ser gratuíta"

Publicado o 25/10/2021 11:45

Primeira fin de semana sen restricións e nas residencias tamén se recuperou practicamente a vida que levaban un 25 de outubro de 2019.

Fabiola García, conselleira de Política Social, estivo no informativo Bos días, onde manifestou que, tras case dous anos difíciles, especialmente nas residencias, xa se está na recta final da pandemia e os residentes están contentos porque viron como se foron flexibilizando todas as medidas. Lembrou que hai que comunicar previamente as visitas dos familiares e solicitar unha cita para poder acceder.

García destacou que a súa consellería está a traballar nun novo modelo de residencias para Galicia e que se vai incorporar a nova tecnoloxía para axudar tanto a traballadores como residentes. O que se pretende é que se sintan como na súa casa e por iso van crear unidades de convivencia máis pequenas, dunhas 25 persoas e haberá zonas axardinadas para que poidan pasear e estar cos seus familiares.

A conselleira de Política Social afirmou que queren darlles aos maiores o servizo que piden, que é vivir na súa casa ou o máis preto posible dela. Destacou que máis de 24.000 persoas están a recibir o servizo de axuda no fogar e son atendidos por un profesional na súa casa. García afirmou que xa se están a construír sete centros sociosanitarios financiados pola Fundación Amancio Ortega e que crearán 900 novas prazas públicas.

A Consellería de Política Social acaba de asinar un acordo para apoiar o financiamento do servizo de axuda no fogar. Isto, segundo afirmou García, é un acordo histórico porque os concellos demandaban que a Xunta incrementase o financiamento da hora para prestar este servizo. Dende este 2021 o departamento que dirixe financia con 11 euros á hora. Isto implica ampliar e mellorar o servizo que se lles dá aos maiores na súa casa.

En canto aos servizos sociais máis demandados, Fabiola García destacou que é a atención profesional no domicilio das persoas maiores. É no rural onde se solicita máis este servizo e por iso é alí onde están a abrir os minicentros de día onde permanece oito horas ao día.

A Xunta de Galicia destinará máis de 900 millóns de euros á Consellería de Política Social. Estes cartos dedicaranse aos tres colectivos máis necesitados: maiores, persoas con discapacidade e familias que están a pasar unha mala situación económica. A conselleira de Política Social destacou o anuncio que fixo o presidente da Xunta da gratuidade das escolas infantís para os nenos galegos de 0 a 3 anos.

 

Noticias web

25/10/2021