Fabiola García e Alfonso Rueda comparecerán o venres no Parlamento para explicar a xestión da crise

Será o próximo venres, 3 de abril, a partir das 11 da mañá. Fabiola García e Alfonso Rueda comparecerán na Deputación Permanente, que é o órgano de garda do Parlamento de Galicia despois de que a cámara quedara disolta o pasado 11 de febreiro cando se publicou o decreto de convocatoria de eleccións, finalmente adiadas pola crise do coronavirus. Malia que os grupos da oposición solicitaron a comparecencia dos dous conselleiros para explicar, por exemplo, a situación das residencias de anciáns afectadas polo coronavirus, a conselleira e o vicepresidente acudirán ao Parlamento voluntariamente tras rexistrar a Xunta a súa propia petición de comparecencia. A conselleira de Política Social e o vicepresidente da Xunta explicarán no Parlamento de Galicia as medidas adoptadas polo Goberno galego para afrontar a crise do coronavirus, entre elas as adoptadas para facer fronte aos contaxios nas residencias de maiores, así como as de colaboración institucional con outras administracións.