"Fabien" deixa en Galicia fortes ventos, fogares sen luz e centos de incidencias
• Refachos de vento de 183,6 quilómetros por hora en Viveiro
• O 112 Galicia rexistra medio milleiro de incidencias pola tarde
• A alerta vermella continúa ata as nove da mañá do domingo
Fabien varreu Galicia. E non deixou todo no seu sitio. Tirou farolas, guindou árbores... e un regueiro de incidencias. A maioría causadas polo vento: o refacho máximo rexistrouse en Viveiro, con 184 quilometros por hora. Son rexistros propios de ventos furacanados. As ondas chegaron aos nove metros en varios puntos do litoral galego.
E con estes ventos furacanados, moitos avións non puideron aterrar nos aeroportos galegos. Algúns intentárono, pero non conseguiron tomar terra. Os refachos de vento facían imposible a manobra e tiveron que desviarse voos desde os tres aeroportos galegos ata Sa Carneiro, en Porto. Outros volveron a destino ante as complicacións meteorolóxicas que se rexistraban en Galicia. Iso deixou a centos de pasaxeiros en terra, nesta fin de semana de intenso tráfico aéreo na véspera do Nadal.
Os máis afortunados colleron un autobús ata outro aeroporto para poder completar a viaxe. No aeroporto de Lavacolla o vento mesmo danou as instalacións do aparcamento e interrompeu o tráfico na terminal de saídas.
E outra das consecuencias do paso de Fabien notárono moitos galegos que quedaron sen luz. Uns 27.000 fogares permanecían sen subministro eléctrico a media tarde. Os cortes son provocados, na súa maioría, pola caída de árbores ou pólas sobre as liñas de tendido eléctrico. Hai uns 600 operarios traballando para recuperar o servizo.