CRTVG

Buscar

Expulsados tres turistas portugueses das illas Cíes por non levar máscaras

Publicado o 07/09/2020 18:37
Expulsados tres turistas portugueses das illas Cíes por non levar máscaras

Axentes da Policía Local de Vigo identificaron e expulsaron das illas Cíes tres mozos turistas de nacionalidade portuguesa, de entre 26 e 32 anos de idade, por non respectar as normas dese espazo natural e por non levar posta a máscara. Segundo informaron fontes policiais, os feitos ocorreron na mañá deste domingo, cando unha patrulla do 092 estaba a realizar labores de vixilancia e prevención no peirao de Rodas e un grupo de mozos "especialmente alborotadores" chamou a súa atención.

Os mozos estaban de pé na terraza dun restaurante e sen levar máscara a maioría deles. Ademais, algún estaba a fumar e non gardaba a distancia de 2 metros con respecto ao resto de persoas que estaban na terraza. Os axentes advertíronlles que tiñan que poñer a máscara e, se querían fumar, debían facelo nunha zona apartada pola que non pasase ninguén. Os mozos finalmente accederon, aínda que con algunha reticencia porque, segundo indicou a Policía, "estaban baixo os efectos do alcol".

Dúas horas despois, a patrulla da Policía Local observou tres mozos sen camiseta nin máscara camiñando polo medio dunhas rochas, preto do mar e nunha zona pola que non se permite pasear debido a que é perigosa. Tras realizar varias advertencias, os axentes tiveron que ir buscalos, saltando entre as rochas. Cando chegaron ao seu lado, comprobaron que se trataban dos mesmos rapaces aos que amoestaran na terraza do restaurante.

Os mozos alegaron que se afastaron do paseo habilitado para faceren fotos, pero os axentes, dada a súa conduta irresponsable e de "menosprezo á saúde pública" decidiron instalos a abandonar as illas. Así, aínda que tiñan billete para regresar ás 20.00 horas, escoltáronos a recoller as súas pertenzas e documentación, para tomaren o barco de volta ás 13.30 horas.