CRTVG

Buscar

A Revista Fin de Semana

Exposición 'O tempo dos suevos' en Ourense

Publicado o 21/01/2018 13:21

A moda, as tendencias estéticas, existen case dende os primeiros tempos da humanidade. Se queren saber como vestían e se adornaban os pobos bárbaros que chegaron á Península ibérica hai 1.500 anos deben visitar a exposición 'O tempo dos suevos' en Ourense. Verán as xoias e os aderezos que levaban aquelas xentes e sorprenderanse cos deseños, algúns non tan diferentes dos actuais.

Alá polo século V distintos pobos do centro de Europa emigran ao sur e algúns como os suevos chegan ao territorio de Galicia,daquela baixo a influencia dos romanos. Este pobos chamados bárbaros traen a súa cultura,tamén as súas modas. Na exposición In tempore sueborum, ou sexa no tempo dos suevos, exhíbense moitas xoias que levaban as élites daqueles pobos e que os arqueólogos recuperaron de moitos enterramentos por toda Europa. As pezas de ámbar son unha constante nos ornamentos que traen as mulleres.

As fíbulas que se empregaban como prendedores para soster un manto o outra roupa, algunhas de bronce e outras de prata, son tamén un aderezo caracteristico dos pobos bárbaros. E as pezas de ouro diademas, colares, e pendentes con deseños que nos poden resultar bastante familiares.

Algúns estudosos e investigadores acuñaron mesmo o termo moda póntico-danubiana para referirse as características da estética daqueles pobos. Un exemplo, as xoias atopadas nunha tumba en Mérida, que durante uns anos foi capital do reino suevo. 

E sorpende a estética dos homes suevos. Usaban bigote,barba e trenza, habitualmente no lado dereito da cabeza. Asi se ve en esculturas e gravados e tamén o recolle o historiador Tácito no seu libro Xermania. 

Para visitar esta exposición temos ata o 4 de marzo aínda que non se descarta ampliar o prazo.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí