CRTVG

Buscar

Exposición de manualidades con recendo mariño

Publicado o 01/06/2020 21:02

O mar devolveunos para que as mans dun artesán lles desen unha segunda vida. Son restos de madeira e outros materiais apañados nalgunhas praias da comarca da Coruña e convertidos agora en pezas de exposición.

"Sempre me gustou pasear pola praia, sobre todo no inverno. Sempre fun afeccionado a facer cousas coas mans, manualidades. A orixe é moi sinxela: pasear pola praia e ver que había cousas nas praias que era normal que as houbera e outras que non tiña que haber como plásticos", comentou Francisco Martínez, o artesán afeccionado que elaborou as pezas.

Troncos, ramas de árbores, cadernas de vellas embarcacións de pesca... O mar non queda con nada que non lle é propio. Hai refugallos que non deberían chegar nunca a el. Todo, ou case todo, é reciclable. 

"En A biblia en España, a George Borrow, cando chega a Betanzos, estráñalle que nos cortellos dos porcos o que hai, en vez de palla como moitos sitios, é algas. Durmían sobre algas", dixo Martínez.

Durante case dous anos, o autor creou este pequeno universo mariño. Un cachalote feito con poda de oliveira ou unha balea franca nacida dunha madeira de kiwi son algunhas das pezas que se poden ver no Espacio Bomoble da Coruña.

Noticias web

01/06/2020