CRTVG

Buscar

Telexornal Mediodía

Exponse en Santiago unha das coleccións de microscopios máis importantes do mundo

Publicado o 01/07/2016 15:07
O Museo de Historia Natural de Santiago expón unha das coleccións de microscopios máis importantes do mundo, a colección Camacho e Pallas. Quixemos mirar a través destes aparellos, e o que puidemos ver foi unha historia fascinante e tamén unha peza única de valor incalculable que os coleccionistas mercaron por Internet. Como se un violín Stradivarius aparecese en eBay.





Quizais dende outro mundo alguén nos mire con lupa, pero neste planeta nunca se expuxeran xuntas as dúas pezas emblemáticas da microscopía. Porque isto é un microscopio. De Leeuwenhoek.

"O que temos aí exposto está sobre os 200 aumentos. E é impensable que alguén no séc. XVII, cos medios que tiña, puidese facer lentes desa calidade", sinala a directora do Museo de Historia Natural da USC.

E iso que Leeuwenhoek non era científico, era un mercador holandés.

"Deseñou estes aparellos para ver a calidade das teas. Eran contafíos."

Pero descubriu o libro e acabou inventando centos de microscopios. Despois do acto marital, estudaba os espermatozoides. Foi o pai da microbioloxía. Pero quixo levar á tumba o segredo da súa arte coas lentes.

"Ao final da súa carreira, estropeou os miscroscopios que tiña facendo unha raia no medio. O que temos aquí de Leeuwenhoek ten esa raia no medio."

Cos séculos dragaron o canal de Delf e o aparello apareceu en Internet. Como se puxesen a Gioconda a vender en eBay, adoita dicir o coleccionista, o doutor Camacho, galego que pagou por el 1.500 euros. Pero o seu prezo é incalculable.

Como o valor da súa colección, que inclúe aparellos coma os 'power point' do século XVIII, ou os que levou Darwin ás Galápagos, e outros deseñados por algún inimigo.

"Desa maneira mostraba o seu desagrado coa teoría da evolución de Darwin, e era para se mofar."

E a broma creceu e acabou etiquetada na cultura popular. Curiosidades ao fondo desta colección, reunida e restaurada por vigueses, recoñecida en todo o mundo.
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí