Explicamos a taxa de reprodución: baixala de 1 é fundamental para conter o virus
Para saber como evoluciona a pandemia é fundamental o índice que mide a propagación de contaxios. Vai descendendo pouco a pouco, aínda que non o suficiente. Ese índice que se chama taxa de reprodución é na actualide do un e pico. Isto quere dicir que cada infectado á súa vez pode contaxiar a máis dunha persoa, cando o ideal para poder frear a propagación dun virus é que ese índice sexa inferior a un.
Para poder logralo os expertos insisten que é importantísimo manter o distanciamento social, aumentar o illamento e seguir cumprindo coas normas sanitarias, polo menos, ata que todos teñamos a vacina posta.
Mentres agardamos pola inmunidade, o virus continúa propagándose.
"Cantos máis sintomáticos positivos teñamos circulando sen saber que son positivo, a súa capacidade de transmision vai ser maior", di Félix Rubial, xerente da área sanitaria Ourense, O Barco e Verín.
E a cantas persoas pode infectar un positivo? Pois a día de hoxe, a máis dunha persoa. Coa taxa de reprodución superando o un, a pandemia non está controlada.
"Ten que ser menor que un para que cada persoa contaxie menos dunha persoa", explica Juan José Nieto, matemático.
E iso como se consegue? Pois con illamento, distanciamento social e cumprindo coas medidas de protección.
"Depende tamén do tempo, do tempo que esteamos e das condicións en que se produza ese contacto", asegura Félix Rubial.
Non é o mesmo estar ao aire libre que no interior, estar durante quince minutos en contacto co virus ou estar tres horas, e tamén depende do número de veces que esteamos en contacto co virus cada día. Unha explicación a ese aumento que houbo de contaxios despois das festas do Nadal. Pero que vai a pasar a partir de agora?
"O que, agora mesmo, é imposible facer calquera predición, máis que noutra onda, penso que estamos nunha ondaxe continua", di Juan José Nieto.
Por iso piden precaución, ata que non esteamos todos vacinados a responsabilidade é a mellor medicina.